Pequenas tendas nun mundo de grandes superficies

1.1 SINOPSE

Tendas de toda a vida, oasis de conversas con caras coñecidas, un luxo en tempos de crise que nos vincula á comunidade que habitamos.

Mentres os pequenos universos de temática variada e conversación eterna van apagando as súas luces, grandes moles de cemento vannos ensinando que o mercar é unha cousa ben distinta.

Custodiada pola presenza impoñente de enormes pilas de produtos infinitos (aínda que sempre os mesmos), organizados de xeito minimalista, o pequeno universo ateigado da tenda de toda a vida pecha a reixa por derradeira vez.

E neses andeis que combinan papel hixiénico Elefante coa Gillette Match 3 turbo perecen un sinfín de vidas, historias e experienzas que facían do mercar algo máis ca un simple intercambio de diñeiro por mercadoría.

Como presenzas anacrónicas, entrar nunha desas tendas supón enfrontarse a un mundo que morre, unha beleza melancólica de luces mainas e señores a piques de se xubilar, froitas con becho que saben mellor do que se ven, ou aquel fusible de porcelana que persiste ao paso do tempo e que nalgún momento mercaremos por ebay como se dunha reliquia se tratase.

Reixas pechadas que máis ca unha muda na xeografía urbana, supoñen un cambio de vida. Un paso adiante cara un mundo globalizado onde o ser cliente alónxate da túa definición como individuo.

2.3 DE PEQUENAS TENDAS A GRANDES SUPERFICIES.

Pequenas superficies versa sobre a polaridade de dous mundos opostos, as tendas de toda a vida vs as grandes superficies. Mais alá de todas as diferenzas evidentes que se nos ocorran, ambos espazos suxiren unha maneira moi distinta de entender o mundo que nos rodea. Buscando definir esta oposición dunha maneira sinxela dei cunha analoxía que responde moi ben ao conceito que, dende Tendas, se quere transmitir: Caduco vs Perenne.

As tendas de toda a vida son Caducas, non só por que unha a unha vaian esmorecendo no inverno do mundo contemporáneo, senón tamén porque o paso do tempo é perfectamente visible dende elas. As grandes superficies pola contra son perennes. Permanecen inmutables nun oase hermético, sen ventás sen referenzas temporais. Firmes eucaliptos nun monte sen estacións

2.4 O OUTONO DAS TENDAS

Caeu a primeira folla… chegou o outono.

Preludio do inverno que chegará: no outono, a natureza entona un fermoso canto de cisne por un tempo pasado (o tempo do verde, da flor, da froita…). Nun derradeiro intento por ficar na nosa memoria, esta xera imaxes de chans ateigados de follas perladas cos ourizos das castañas. Combina ocre e verde no Courel, e tingue o Ribeiro con milleiros de socalcos de viñas multicolores. Beleza que desborda e suxire máis ca en ningunha outra época do ano. O outono non é apto para melancólicos porque é aí precisamente onde atopa a súa forza.

Coma montes caducos, as tendas de toda a vida rezuman esa mesma tristura meláncolica, a mesma cadencia paseniña que fai do esmorecer toda unha arte. Os produtos (moitos deles de antigüidade difusa) parten dos andeis dunha tenda en liquidación coma follas de carballo, de vagar, sen présa. Aténdeas aquel quen, coas historias dunha vida na tenda, conforma as vetas da súa existenza. Todo acontece maino, calado, sen estrondo… até que un día, os andeis baleiros coma árbores espidas dan paso ao peche da reixa, un inverno metálico que nos privará para sempre das vindeiras primaveras.

Pero non nos enganemos pola melancolía, o outono está cheo de vida. Baixo a languideza do caer de follas existe a vida, rexeneración, chans que se alimentarán da materia orgánica coa que as follas xenerosamente o agasallan. Así mesmamente acontece nas tendas, a bucólica atmosfera rezuma vida, embaixo dos carteis das ofertas, conversas, experienzas, vidas compartidas con clientes de sempre que nalgún punto fican na difusa liña da amizade.

Ás veces confidente, sempre discreto, o tendeiro recolle as experienzas daqueles que lle mercan, nun mosaico de vidas que conforma o barrio no que residen.

Pode que o inverno estea próximo pero, como lembranza da profunda impresión da beleza do outono, fica na memoria a tenda de barrio que un día pechou para sempre.

2.5 PERCORRENDO AS TENDAS

Tendas, fermosas árbores caducas de diferentes familias botánicas. Están as droguerías, que crean os seus propios perfumes, as tendas especializadas nas cousas máis dispares: trens de xoguete, especias, coitelos, sombreiros….. e tamén as que estan especializadas en ter de todo: os inesquecíbeis ultramarinos, as froiterías con produtos da horta, a barbería de navalla e tamén fermosas combinacións híbridas de supermercado con efectos navais, quiosco e froiteria….. todo un mundo de espécimens cos que este proxecto pretende facer un herbario.

Para este traballo non só interesan as tendas a piques de pechar. Tentamos facer unha radiografía dos cosmos que cada unha representa. Cinguimonos á cidade da Coruña e estableceremos certas categorías sobre as que eleximos unha para traballar.

2.6 O TEMPO NAS TENDAS

Chega o Outono e hai uvas, castañas e figos ao lado dalgún péxego tardío. Mentres, o Corte Inglés xera un tempo propio.

A cotío adoitamos oír que o tempo é relativo. Hai o tempo que nos marca o paso da terra perto do sol en función do cal organizamos os días as horas. E logo está o outro, o que nos di que as horas fanse enternas ou que todo pasou nun minuto. Organizamos as nosas actividades e distribuímos en que queremos empregalo. Pero o que non pensamos é que a referenza natural do devir do planeta é unha das cousas que o paso da tenda á grande superficie oculta.

É dificil saber que hora é cando un está no corte Inglés e os fluorescentes substitúen a luz solar impedindo discernir a mañá da tarde, permitíndote navegar entre os produtos nun tempo indeterminado. Supón unha sorte de limbo do tempo onde a única referenza posíbel é o reloxo. Mais alá disto, entrar nunha froitería sitúate inmediatamente na estación na que estás a vivir. Cada tempo ten a súa froita, como cada estación ten o seu peixe. Todas esas vinculacións desaparecen nun macrosupermercado de peixes de piscifactoría e froitas de cámara.

As grandes superficies establecen o seu propio tempo, cuxa única referenza é o horario de peche e de abertura, inventando temporalizacións propias de semáns fantásticas, un novo conceito de estacións que se organiza en función das rebaixas de xaneiro ou das de xullo, creando santos patróns personificados no día da nai, do pai ou o tan cacarexado San Valentín. O tempo é mais relativo ca nunca.

O ritmo é tamén distinto. A compra na tenda é, por definición, pausada. Dá lugar a conversas, as mercadorías substitúense pouco a pouco, os espazos transfórmanse lentamente e cada novo produto é reubicado con detalle. Nas grandes superficies existe unha muda constante, tan veloz que non é asimilable e percébese coma un espazo inmutable. Non hai lugar para outras conversas que non sexan sobre o produto, nen vida nen barrio que valla.

2.7 O ESPAZO

A través das ventás podemos ver o barrio que define a tenda e nos define a nós.

Ir mercar á tenda da esquina supón, en certa medida, definirte como habitante do lugar que ocupas. Xente que repites todos os días e, a raíz disto, que devén familiar. Saúdos coñecidos que nos permiten, na inhóspita cidade, seguir a ser unha comunidade. A tenda de toda a vida sábeo e por iso non esconde o espazo, déixao fluír libremente a través da súas ventás e mesmo invádeo a través de prolongacións en forma de revistas, verdura e mesmo mobeis.

As grandes superficies íllanse do espazo: constrúense de costas ao exterior xerando paraísos articificiais de fluorescentes. Nacen sen ventás, tapiadas por grosas paredes recubertas de trampantollos en forma de escaparates. Grandes peceiras estancas.

A visión dun centro comercial é dende fóra percebido coma inhabitable, e é precisamente iso o que as diferenza: a habitabilidade. As tendas habítanse activamente, os centros comerciais visítanse.

Os centros comerciais son totalmente intercambiabeis: son iguais aquí ca en Paris. Estruturas importadas que nos ubican nun espazo inventado e uniforme no que non hai trazas de personalidade. Terra de ninguén, sen raigames nin vínculos. Independentemente da relación que establezan co exterior as tendas, son espazos únicos definidos, en grande medida, por quen os habita: o dono, os clientes, os obxetos…

Cada unha cunha personalidade, herdada ou adoptada, o espazo imprégnase desta habitabilidade xerando atmosferas fascinantes.

De entre todas as tendas, existe unha que a nivel de espazo hai que salientar, unha fortemente vinculada co pasado, coa tradición, e que fai disto unha seña de identidade. A tenda de hai moitas décadas (a Xastrería Iglesias, o Bazar de Pepe, a droguería Villar na Coruña) que non só fala de habitabilidade, senón tamén de permanencia. Buscada esa vinculación co pasado dende a súa escenografía, entrar nesas tendas resulta unha sensación estimulante. Existe unha cousa curiosa en canto aos obxectos e ao paso do tempo. Cando pasan os anos sobre as cousas semella que se lles adhire unha capa de interese e de fascinación. Dende ben pequenos lembramos esa boneca que mamá gardaba, á que lle faltaba un ollo e á que lle foi cortado o pelo por un irmán díscolo. Unha boneca que nos pasabamos horas a ollar porque nos estaba terminantemente prohibido tocar, pero que sendo dura, chosca e fea, era moito máis estimulante que o noso Nenuco acabado de sair da caixa. Os soldadiños que apareceron un día nalgún baúl e que sendo dunha peza e certamente aburridos (non se lles podía facer nada e aínda por riba tampouco os indios parecían moi indios que digamos, sen esquecermos que eran verdes). Pois a pesar diso sobrevivían, porque dalgunha maneira o feito de seren tan vellos e diferentes facíaos especiais. De maior os libros do avó, o catálogo de móbeis, o lapis herdanza dunha oficina de primeiros de século, a máquina de escribir e tamén, non nos asustemos, a Spectrum, teñen hoxe en día un carácter semimáxico, un poder de evocación que trascende do puramente obxetual.

Non sei que terá o pasado, pero o que si sei é que se adhire nos obxectos, impregnando as atmosferas e deixándolles unha pátina ben firme de máxica fascinación.

Os obxetos trascenden e o andel aprópiase de toda a tenda.

Cando empezamos a planear este proxecto, ante o peche dalgunhas das tendas que mais nos gustaban na Coruña, había unha imaxe que non se me podía quitar da cabeza. Ilustraba estas atmosferas das tendas como pequenos habitáculos dentro dunha casiña de bonecas. Independentemente do tipo da tenda existe algo dese microcosmos no conceito mesmo de pequeno comercio. Unha serie de minúsculos espazos habitables onde acontecen historias e cos cales nos encantaría xogar a través deste proxecto. Poñer en marcha o xogo, revivilos dende a creación audiovisual outorgándolles unha sensación de máxica xustiza.

2.8 DO INTERCAMBIO Á TRANSACCIÓN

A nai dunha amiga ten unha tenda de cousas que precisas, chámolle así porque esta é unha das tendas que deciamos que eran especialistas en todo, dende Tippex até unha bata de andar por casa. Contaba que, cada vez que un representante chegaba á tenda, a súa nai miraba con atención o catálogo facendo o encargo en función do que lle puidese gustar a fulanita ou a menganito. Por suposto, fulanita e menganito na historia tiñan nomes propios.

A compra comezaba mesmo antes de que o cliente entrase pola porta, unha compra especializada e persoal. As mercadorías chegaban á tenda cun aquel de individualidade e, antes de expoñelas, xa tiñan un dono potencial. Pero cantas veces temos oído eso de:

– xa pensei que non ías vir!, teño por aquí separadas unhas ovas de pescada para ti, como sempre pides por elas…

Existe unha aura de individualidade que trascende o obxeto e fai que eses días as ovas de pescada estean máis ricas ca nunca. Eses mesmos obxetos, en bandeixa de PVC (por certo, altamente contaminante e totalmente inútil), forrados con plástico e etiquetados nas neveiras do supermercados, atópanse esterilizados desta cualidade. Orfos de identidade máis alá do produto que representen, afogan brécoles, tomates e ovas de pescada.

A atmosfera da tenda prende a mercadoría xerando verdadeiras relacións afectivas. Miña avoa compráballe os chourizos do caldo ao Ricardo, e cando Ricardo morreu os chourizos nunca souberon igual.

A compra adquire un matiz afectivo, social.

Nas grandes superficies non hai cabida para todo iso: a individualidade e a afectividade recaen única e exclusivamente no poder da publicidade. Os produtos véndense cunha estratexia de macroestrutura aséptica e falaz que persegue a nosa afirmación como individuos dentro de grupos segmentados dun mercado uniforme. Non hai miña rosa, só un número de ticket.

O vendedor xa non é aquel con quen compartir experienzas, por superficiais que sexan. Nas grandes superficies, como apóstoles da nova relixion do mercado, perséguente e con aire inquisitorial preguntan se buscas algo. Repetindo sen cesar as mesmas frases tipificadas e aprendidas no credo do novo mercado.

Hai moitos anos houbo quen dixo que El Corte Inglés era a catedral de Vigo, e non lle faltaba razón. As catedrais son espazos non habitables, son espazos de presumir, de transitar e mesmo de admirar. Pero nunca son espazos que che fagan sentir un individuo. Minúsculas figuras transitando entre enormes estruturas, circuítos perfectamente pechados que, coma cordeiros, te orientan a uns produtos ou a outros. Espazos alienantes que substitúen o ágora da tenda de barrio.

Non hai que confundir o discurso deste proxecto: dende Tendas non se propón un regreso ao pasado. Limitar o mundo a pequenas tendas de tickets a man e xabrón lagarto. O ánimo reside en revindicar outro tipo de relación co mercado. En tempos de crise, coma os de agora, mercar nunha tenda de barrio sacrificando os prezos sen comparación do Lidl pode ser considerado un luxo, pero a min gústame que me chamen “miña rosa”, que me reserven as ovas de pescada e non voltar para a casa cun feixe de bolsas e un ticket que poña numero de compra: 200038441.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s