pequenas superficies

Tendas de toda a vida, oasis de conversas con caras coñecidas, un luxo en tempos de crise que nos vincula á comunidade que habitamos.

Mentres os pequenos universos de temática variada e conversación eterna van apagando as súas luces, grandes moles de cemento vannos ensinando que o mercar é unha cousa ben distinta.

Custodiada pola presenza impoñente de enormes pilas de produtos infinitos (aínda que sempre os mesmos), organizados de xeito minimalista, o pequeno universo ateigado da tenda de toda a vida pecha a reixa por derradeira vez.

E neses andeis que combinan papel hixiénico Elefante coa Gillette Match 3 turbo perecen un sinfín de vidas, historias e experienzas que facían do mercar algo máis ca un simple intercambio de diñeiro por mercadoría.

Como presenzas anacrónicas, entrar nunha desas tendas supón enfrontarse a un mundo que morre, unha beleza melancólica de luces mainas e señores a piques de se xubilar, froitas con becho que saben mellor do que se ven, ou aquel fusible de porcelana que persiste ao paso do tempo e que nalgún momento mercaremos por ebay como se dunha reliquia se tratase.

Reixas pechadas que máis ca unha muda na xeografía urbana, supoñen un cambio de vida. Un paso adiante cara un mundo globalizado onde o ser cliente alónxate da túa definición como individuo.

Deixar un comentario